XI. LIRIDADE NOCTÁMBULA

petapouca

EU vinte[1]

cidade convulsa

anestesiada unha noite:

chovía.

Espellaban[2]

escorregando

as rúas

e o espanto das lúas

dos escaparates

a ringleira de faroes[3] que se ría

coma unha sucesión de disparates.

Un paraugas noctámbulo

esquivábase

no anónimo da rúa transversal.

Un reloxo pasivo

espreguizábase

cunha voz estraña do Ben e do Mal.

O rectilíneo rañaceos

até se convenceu da mansedume espiritual

do budista chover

e o hermetismo foi sentimentoso.

Dos carrís esquencidos do tranvía

non se sabe o desexo misterioso

no paralelo rego que fuxían.

Foi una absolución

o rumorexo longo e bo da auga

da salvaxe soberba diaria

do mastodonte camión.

Eu vinte

cidade convulsa

anestesiada unha noite que choveu

Semellábaste menos allea

menos vulgarenta

e menos…

que sei Eu!

Suxerencia dos gatos

que fan do día unha vulgaridade

e de noite

nos ollos fogos-fatos[4]

nas siluetas de excentricidade

e nos choros de gaita diluída

van sinfonizando a vida.

Eu vinte

cidade convulsa

anestesiada unha noite:

Chovía

no sedento da miña repulsa

e no sedento ermo do teu día.

 

*Primeiro poema escrito en galego de ambiente exclusivamente urbano. Aínda que no final da composición o autor abxure desa metrópole, todos os versos nos falan da súa desmesura.

 


  1. Aquí suprimimos o cheísmo do orixinal.
  2. Convén observar a constante aliteración das palabras que comezan por es-: espellar, escorregar, espanto, escaparates, esquivar, espreguizar, estraña, espiritual. Mesmamente palabras que conteñen a sílaba es-: anestesiada, escaparates; ou tamén coa forma is-: disparates, budista, hermetismo, carrís, misterioso. Tal vez este efecto sonoro nos suxire e nos lembra o asubiar da chuvia ou o bulicio citadino.
  3. Pola antedita aliteración conservamos o defectuoso plural que debería ser farois.
  4. En galego correcto fogos-fatuos, chamas que se poden observar a rentes do chan, producidas pola combustión espontánea dos gases que se desprenden das substancias orgánicas en descomposición. Conservamos a incorrección por razóns evidentes ao mantermos a rima en todo o poema.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *