VIII. AS ALMAS DE NOITE

petapouca

AS ALMAS que levamos

van de noite e transmigran

Véñennos outras novas

de ton menor

máis axeitábeis e ben guiadas

Imos coa auto carga

e axúdannos

remexémola mellor.

 

Xa coñecen as rotas

os descansos

e as paisaxes presentidas

Acenden lámpadas nas nosas devocións

E sonnos un fanal[1] de vidros mansos

 

E sabémo-lo seu leit-motiv

Adiviñámolas cando dialogan

Queren suavizarse se presenten o agarimo

Por compracernos

aínda que solaguen

unha lonxá[2] melancolía

xogan.

 

Pola mañá

vánsenos despedindo

amnestesióndonos[3] co seu arrecendo

Quen pode unxir a súa pesadume?

A nós déixannos durmindo.

 
*Un dos poemas máis directamente emotivos de Manuel-Antonio. Neste caso observamos a utilización da crenza na pluralidade de ánimas que poden aniñar nunha alma. Notamos que a súa independencia é xogoral e melancólica, coma a súa despedida diurna.

 


  1. Farol grande que se usaba nos portos como sinal.
  2. Forma falsamente galega adaptada da palabra correcta lonxana.
  3. Aquí o rianxeiro cruza e mestura dúas palabras nunha, acaso por confusión ou premeditadamente para xogar co significado dos dous vocábulos. Anestesiar é un verbo que indica o suministro dunha substancia química que elimina a sensación da dor. Sen embargo a palabra comeza coa forma amnes que nos lembra o substantivo amnesia, perda provisoria ou permanente da memoria. Os dous significados son posibles e lícitos no poema.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *