TRAVESÍA

petapouca

TROQUELES[1] reiterados

o reloxo e o sol

acuñaron[2] moedas efémeras

que repetían todas

a mesma cara e a mesma cruz

 

A costa e o Mar

escamotearon unánimes dorsos

permutadores da mesma

lonxincua evasión

 

Temos un estrangulado diagrama

repasado por tódolos novelos do horizonte

que viraron a proa e a Rosa dos Ventos

 

Na fasquía[3] dos barcos anónimos

postos a frote pola madrugada

extraviados no roteiro do serán

persistiron sempre

a mesma foula e o mesmo ronsel

 

Ese intertroque de radiogramas

que reeditaron os faros e as estrelas

deunos a multiplicación monótona

das mesmas letras do mesmo morse

 

Foi a derradeira rafega do vento

quen os desfollou de tódalas lembranzas?

 

O Mundo

que xa non sabe

máis que repetir unha volta consabida

rachou clandestinamente

as follas imprevistas dos almanaques

 

Coas nosas mans suicidas

espallaremos no carroussel dos ventos

os catro puntos cardinais

Mentres

o timonel

arrumbará proa a Ningures

 

Repetirémo-los cansos corazóns

cronometrando monotonías

Nas velas indecisas

follea o vento un indelébel

álbum de leit-motiws[4]

 

O minuteiro

(tic-tac)

asumiu o compás das travesías.

 

*Estamos diante dun dos poemas máis desalentadores de Manuel-Antonio. Nel plásmase, de modo total, o tedio fatigador das singraduras, a súa árida monotonía.

 


  1. Cuños para marcar as moedas.
  2. Existe unha evidente errata no orixinal, onde podemos ler: alcuñaron.
  3. Traza, aspecto.
  4. Palabra estranxeira, procedente lo alemán, que significa "motivo central dunha cousa ou idea". A súa representación gráfica correcta sería leit-motiv.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *