SÓS

petapouca

FOMOS fincando sós

o Mar o barco e máis nós[1].

 

Roubáronnos o Sol

O paquebote[2] esmaltado

que cosía con liñas de fume

áxiles cadros sen marco

 

Roubáronnos o vento

Aquel veleiro que se evadiu

pola corda frouxa do horizonte

 

Este océano desatracou das costas

e os ventos da Roseta[3]

orientáronse ao esquenzo[4]

 

As nosas soedades

veñen de tan lonxe

como as horas do reloxe[5]

Pero tamén sabemos a manobra

dos navíos que fondean

a sotavento[6] dunha singradura

No cuadrante[7] estantío[8] das estrelas

ficou parada esta hora:

O cadáver do Mar

fixo do barco un cadaleito

 

Fume de Pipa                   Saudade

Noite         Silencio          Frío

E ficamos nós sós

Sen o mar e sen o barco

nós.


  1. A primeira soidade é paulatina, prodúcese cando o barco se distancia da terra e dos seres queridos alí deixados.
  2. Navío grande destinado a transporte de mercadorías, pasaxeiros ou correspondencia.
  3. Aquí esta voz desgina a Rosa dos Ventos.
  4. Palabra inventada por Manuel-Antonio que é unha adaptación ao galego do substantivo olvido. En galego debe ser esquecemento, olvido.
  5. En galego a forma correcta é reloxo, aínda que aquí conservamos a forma espuria pola evidente rima asonante entre reloxe e lonxe.
  6. Lado oposto a aquel onde sopra o vento.
  7. Aquí este vocábulo refírese, máis que á cuarta parte dunha circunferencia ou a un instrumento para medir ángulos, ao reloxo.
  8. Esta voz pode traducirse por estático ou absorto.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *