SERÁN

petapouca

A SOMBRA revoa máis, cada vez, baixa

coma as anduriñas e morcegos cegos.

No lombo dos castros, ó lonxe, unha faixa

de lume. Na rúa sombrisa[1], dous cregos,

a voz da campá que querendosa baixa

e unha vella, en loito, refungando pregos.

 

Na praza veciña dos arbres[2] pequenos

e as fontes eternas, desenrolan fatigas

en rodas inquedas, monótonos nenos

de cantigas loiras e voces amigas.

 

Prazas familiares! Da fonte que deita

no cuncal de musgos unha longuidade

que pon no baldeiro da infinda soedade

anacos da ialma da iauga[3] desfeita.

 

Carón da fenestra clarexa a vidreira

daquela outra casa, unha luz temida.

Calaron os nenos da roda algareira

e os morcegos voltan en nova fuxida.

Soio[4] soa a alma que hai na fonte espida

 

O meu pensamento, lonxano, discorda:

penso nun cabalo que pase a galope;

pendurar das poutas un gato a unha corda;

perder unha cousa que nunca se atope…

 

Na parede espida do meu aposento

latexa un reloxio nun senfín absurdo.

E parés[5] que levo o corazón, morrendo

nun compás alleo, fatalista e surdo[6]

 

*Este poema foi publicado en A Nosa Terra (15-VI-1920), números 121/122. No manuscrito do rianxeiro carece de título. Como podemos comprobar, estamos diante dun poema doméstico de leves resonancias simbolistas (sobre todo no final).

 


  1. Poucas veces o rianxeiro introduce o fenómeno do seseo na súa escrita. Este é un dos poucos casos en que así acontece. A forma escrita correcta é sombriza.
  2. Forma vulgar con xénero castelanizante masculino. No noso idioma a palabra é feminina e plena: as árbores. Conservamos a falta por razóns rimáticas.
  3. Manuel-Antonio emprega o vulgarismo fonético de intercalar entre dúas vogais o "i" epentético que aquí cumpre a función de separar as sílabas.
  4. Vulgarismo. En galego recto sería .
  5. Segunda plasmación gráfica do vulgarismo fonético do «seseo». A forma máis xeral e normativa é parece.
  6. A palabra normativa é xordo.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *