RECALADA

petapouca

ATOPAREMOS no peirán

as follas evadidas

do almanaque dos nosos soños[1]

 

As novas rúas de sempre

exhibirán o escaparate

das mesmas noivas inéditas[2]

 

Fumaremos nas pipas despectivas

tódalas transeúntes

hostilidades mudas[3]

 

O vaso desbicado noutro porto

rematarémolo aquí no mesmo bar

cabo do mariñeiro descoñecido

que nos repite a mesma

ubicua sorrisa[4] loira

 

Nos bordeis xa saben

que a nosa moeda

ten o anverso de ouro

e o reverso sentimental

 

Os ecos imprevistos

do noso cantar sonámbulo

apagarán os focos de madrugada[5]

 

Mañá despertaremos

na ausencia desta xornada

Esquivouse unha folla

do diario efusivo

 

Eramo-los espectadores

na prestidixitación

dunha hora artificial.

 

*Recalada: chegada do navío a un punto coñecido da costa.

 


  1. Fermosa metáfora preposicional: os soños dos mariñeiros son un calendario do cal foxen as follas, que, finalmente, serán encontradas en calquera porto, cando desembarquen.
  2. As prostitutas son as noivas compartilladas de sempre.
  3. Exacta imaxe onde a agresividade se fuma silenciosamente mentres se deambula polas rúas portuarias.
  4. Sorriso, en galego, ten xénero masculino.
  5. Nalgunhas cidades onde a luz de gas aínda se mantiña en uso, no amañecer había encargados de apagalas. Neste caso serán os propios cánticos os que maten a luz artificial.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *