O SOL DA LIBERDADE

petapouca

CANDO o Sol lostreguee trala alta montana[1]

colle a fouce secreta e bota un forte atruxo[2]

que se escoite na aldea e na cidá[3] lonxana

onde a servil Infamia o seu[4] negro trono puxo.

 

Cando o Sol alumee luminoso e radiante

marcha ergueito e disposto pola rota esquencida.

Podes facer, se queres, a túa alma xigante.

Podes achar, se loitas, o que val[5] máis que a vida.

 

Cando, logo na tarde, voe a outro horizonte,

de xionllos recibe, dende o cume do monte,

a postrema raiola que revoe no val.

 

E garda no teu peito o raio derradeiro,

e xura coma un vello e andante cabaleiro,

defendelo ata a morte, coma un Santo Graal[6]

 

*Estamos diante do único poema cívico que conservamos de Manuel-Antonio. Obsérvese que a entrega a un ideal de modo absoluto é comparada ao xuramento artúrico dos antigos cabaleiros da Mesa Redonda. Tampouco son alleos aquí os ecos pondalianos.

 


  1. Pseudo-galeguismo, en galego a forma correcta é montaña. Conservamos o erro por evidentes razóns de rima.
  2. Apócope vulgar do vocábulo aturuxo.
  3. Vulgarismo. En galego estas formas acaban en -ADE: cidade.
  4. En galego os posesivos levan artigo, excepto cando se trata de nomes familiares ou interxeccións.
  5. Variante vulgar da forma normativa vale.
  6. Vaso misterioso que aparece na obra de Chrétien de Troyes (1135-1183) Perceval (1182) e que tivo, ao longo da Idade Media, mútiplos refundicións e variantes. En principio ese cálice alimentaba a un rei doente, pero, máis adiante, fóronselle agregando elementos cristiáns que identificaron ese vaso co recipiente utilizado por Xesucristo para a Cea cos seus discípulos e no que Xosé de Arimatea tería recollido o sangue que brotou do seu costado ao ser ferido polo centurión. O Graal, para os cabaleiros da mesa Redonda que o buscaron afanosamente, simbolizou a recompensa e o fin último das súas existencias, pois representaba a culminación do seu ideal cristián.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *