NO REMATE DA FESTA

petapouca

DEVOLVEN os fogueteiros

as derradeiras estrelas murchas

E o vento de alá lonxe

levoulle a gaita ós gaiteiros

 

O cantar orfo

vai atopando nais emprestadas

 

O anfiteatro dos pinos

fumador de estrelas exipcias

ceibou escuridades desatadas

 

debala o luar

A Lúa emigra en dorna[1]

ás canles de Venecia

ou ó reverso do seu mar

 

O revés do pentágrama

e ó compás do sete-estrelo[2]

o vento estudia

no labirinto da fraga

o seu monólogo de violonchelo[3]

 

Os alalás dos mosteiros

erguen o seu cálix ó alén

 

Pero os loiros luceiros

aínda brincan

a xogar

de pedra en pedra

mentres devolven os fogueteiros

as derradeiras estrelas murchas

 

*Poema de ambientación agraria levemente festivo.


  1. Embarcación de pesca, propia das Rías Baixas, provista dun só mastro que leva unha vela latina.
  2. Nome vulgar da constelación das Pléiades, formada por sete estrelas, cercana á constelación de Tauro.
  3. Simpática personificación dun vento estudioso e musical.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *