MÁIS ALÁ

petapouca

Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa Terra.

 

 

I

 

O XESTO

Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios.

Case todos eles tencionan arrecadar adeptos para algún novo «ismo» que aparece querendo a última palabra da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un esnobismo operetesco invade a Literatura.

Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacábel contra os vellos.

 

OS VELLOS

Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos —aqueles son os devanceiros—. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos.

É a lei de sucesividade que nos fai respetar ós devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar ós vellos en vida, baixo a lousa inamovíbel da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe.

Esta gafualla, de ser leigada a si mesma, debera irse, por exemplo, a Madrid, metrópole peninsular da barbarie civilizada, onde a súa teimosía anticronolóxica encadraría moi ben, completando aquel ambiente de inferioridade. Pero é a nosa desgracia que non só non fan iso senón que aínda teñen a pretensión, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é 0 que non pode seguir sendo.

 

A NOSA RAZÓN

Non é que nós adoezamos do estendido andazo de desbotar o vello por sistema e sen razón, cousa que se ve facer a miúdo ás xuventudes doutras terras. E que xa vai tendo carácter crónico a atrofia de sensibilidade na maioría dos que escriben en galego, e ameázanos o contaxio do pobo se non se atalla o mal.

Este contaxio arrepiante será unha realidade se a xeración galega que hoxe medra ó acougo das Irmandades Nacionalistas, chega a tomar por mestres de sensibilidade os nosos «prestixios» literarios.

Tida en conta a importancia primordial que a Arte ten nos rexurdimentos raciais (miudean os movementos nacionalistas que comezan polo arredismo artístico) chegaremos a coidar se non fracasado polo menos de remota eficacia o actual movemento rexurdente na Galicia se non se consegue un troco radical no aspecto da nosa Literatura. Porque é pretender andar  cos pes atados o tratar de libertarnos dos trabamentos externos sen facer antes o mesmo coa podredume interior.

 

O RURALISMO

Os nosos poetas, desde os precursores até os seus herdeiros actuais, non serviron máis que para embrutecer o noso sentimento. Esta verdade, espallada ós catro ventos, sería o  verdadeiro comezo da loita xeral galeguista. Porque o voluntario castramento espiritual e colectivo que supón na Galicia a existencia do caciquismo, da ignorancia, do renunciamento á vida e á dignidade, cómpre anulalo, antes que no terreo político-social, no senso estético.

Unha conveniencia estética pura e enxebre é o primeiro paso da volta a nós mesmos. E o máximo crime de lesa patria é un verso dese xeito que pregoan as ras da lagoa académica querendo impor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e liberadora. Porque ese fato de eunucos literarios, de espírito choído e ateigado dunha declamatoria cursilería palabreira, son os que farán renegar de si mesmo a calquera bo galego de espírito amplo e depurado que coide ver neles a «alma da raza».

Mentres que tódalas culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acó, mausoleos de escuridade sobre ese xeito de mortos en vida, que espectáculo é o que damos en Galicia?

Momias que fan esculturas á súa imaxe e semellanza. Mentres eles, cinxidos ó pasado, seguen cincelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquietudes, unha nova figura, grotesca quizais pero nova ó fin, para o retábulo dos tempos.

 

OS DEVANCEIROS

Dicíamos no comezo que respetábamos ós devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado este respeto nin na admiración nin na inferioridade nosa. Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. O noso respeto ven de que eles non tiveron culpa de ter vivido nun tempo de choída incultura castelá.

Aínda que nos esforzásemos por atopar algo de bo nos «precursores», o noso traballo sería infructuoso.

Nós non podemos ollar sen carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada[1]. Nin ese interese en converter o galego na fala intérprete de tódalas indecencias e vulgaridades que tiveron Losada e a maioría dos «mestres menores». Nin a baldeirez verbalista, importación madrileña e con isto xa se di todo, de Curros.

Non podemos prestar a nosa louvanza á socorrida e ridícula «pose» do falso romantismo, enfermidade de moda naquel tempo, que chegou a deslucir algunha das páxinas  verdadeiramente nosas, grandes e persoais de Rosalía. Nin interesarnos polo estreito xeito de Pondal, que tan só puido ser un imperceptíbel eco da grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica.

O herdo dos devanceiros redúcese pois a un exemplo de vontade e patriotismo, espido de toda eficacia literaria como non sexa pola reacción que produce o desagrado.

 

II

 

«POLLITOS BIEN»

Comezaremos invocando a Valle-Inclán.

Mestre: chamámoslle mestre por ser vostede «mestre» da Xuventude imbécil de Galicia. Noso non; que, afortunadamente, sabemos comparar a súa modernidade coa cobardía do débil que tan só pode vivir facendo claudicante concesión ó forte.

Non tería o seu nome acollida nestas liñas se quixésemos tan só chamarlle aquilo. Pero ten que ser ó falar dese fato de cabezas focas, nenos «foulard e de rubí», engaiolados polo innegábel prestixio da prosa e da ridícula mentira dunha epopeia aventureira que vostedes, unha e outra vez, falsifican.

Sabemos que con intermedios himnarios ó Gran Pontífice da Baldeireza en traxe de festa (Este gran don Ramón…) entra a estrago pola fala meseteira, con grande desprestixio dela por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade inxénita ou contaxiada, e que a vostede lle debemos o telos levado para «alá». Isto último é cousa que nunca ben lle agradeceremos.

Agora, o que quereríamos conseguir da súa incensada personalidade sería que intensificase a campaña castelanizante porque nos arrepían o pensamento de que eles se cresen chamados por estas nosas palabras de mocidade e chegase algún a desertar de la «lengua de Cervantes» para vir a baldeirar na nosa Fala as producións do seu serrín encefálico. Isto estaría moi mal. Mal para o castelán, idioma oficial da cursilería, que, polo mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal para o galego, digno de moita mellor sorte.

E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexámosvos cordialmente que calquera día vos publiquen un verso na derradeira folla dunha desas indixentes revistas madrileñas, doada palestra dos vosos esforzos, que é o máximo desideratum voso.

Madrid precísavos para personaxes da súa opereta.

 

TAMÉN HAI OUTROS

Hai os que teñen algún valor e desménteno expresándose en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Estranxeira por estranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta.

Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rotina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora.

Hai os dunha certa clase última, dos cales abonda con… non falar deles.

 

III

 

NÓS

Despois de ter dito que non traemos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estamos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.

Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos renegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camiño determinado. A nosa rota, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros camiños poden ser nosos.

A Novidade que enxerguemos é tan só un arredamento, unha liberación do pasado sen a definición do seu resultado: isto é arbitrariamente persoal.

E aquí cómpre que manifestemos a falta de crédito que nos merece a gran parte dos novos «movementos» literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se confunda a nosa rebeldía. Ou son unha negación non só do pasado senón de tódolos tempos e tódalas cousas, desde o bo gusto até a razón máis rudimentosa, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos preceptos, todo o novos que se queiran pero pouco respetuosos, desde logo, coa anárquica dilección individual.

 

A FALA

Tamén nós temos, aínda que noutra orde os nosos imperativos, e comezamos pola máis agresiva intrasixencia na Fala.

Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas: que non sufrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que a emparedasen nun feixe de regras como quen garda un mito en sete huchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorábeis posibilidades porque o seu estado libre permitiralle axeitarse a tódalas novidades, a tódalas variacións porviristas que tome o noso gusto. E consentiralle o seu indeliñamento ser cincelado de xeito que sexa un instrumento do artista e non el escravo dela.

Pero hai aínda unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio.

Esta nosa exaltación do Verbo tamén quere dicir algo ós vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbridos, bilingües queremos dicir, que fai da literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, recorre ó galego cada vez que quere dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán pra cando coidan «eles» que están en razón. A maximidade da devoción que temos pola nosa Fala, pódelles dar a medida do desprezo que sentimos por eles.

 

DESBOTANDO

Renegamos de mestres e dos seus consellos. Toda voz allea tende a excusar a nosa sinceridade, que é sagra porque é a nosa vida e debemos espertala para non ser desleais con nós mesmos.

Renegamos da Lei e do Costume. Cada importación allea vén roubarlle á nosa mocidade unha á.

Renegamos dos temas obrigados. É vergoñento falar da escravitude da Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulala. O pranto e a elexía fixeron crer ós alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadáns da futura República Galega, gardarémo-los nosos cantos patrióticos para o día en que deamos ó vento a súa bandeira e non poidan ser testemuñas da cobardía e da mansedume.

A literatura paisaxista ó xeito de fotografía iluminada con notas de turista burgués, é a maior carniza da nosa paisaxe, que aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretada.

Renegamos de toda imitación. A dos vellos en nome da Vida; a dos novos en nome da Novidade.

 

INDIVIDUALISMO

Consagramos a individualidade até o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha palabra: o seu propio nome.

 

IV

 

¡MOCIDADE!

Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.

Se queredes liberarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adonarvos da nova mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos.

Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinación sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: Máis Alá!

 

Álvaro Cebreiro

Manoel-Antonio

San Xoán, 1922.

 


  1. Vide in Introdución (páx. 36).

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *