INTENCIÓNS

petapouca

ENCHERÉMO-LAS[1] velas

coa luz náufraga da madrugada

Pendurando en dous puntos cardinais

a randeeira[2] esguía

do pailebote[3] branco.

Coas súas mans loiras

acenan mil adeuses as estrelas

 

Inventaremos frustradas descobertas[4]

a barlovento[5] dos horizontes

pra acelerar os abolidos corazóns

dos nosos veleiros defraudados.

 

Alaremos polo chicote[6]

dun meridiano innumerado

Na illa anónima

de cada singradura

esculcaremos o remorso da cidade

Ela noctámbula desfollará

como unha margarida prostibularia

a Rosa dos Ventos[7] do noso corazón

 

Encadearemos adeuses de escuma

pra tódalas praias perdidas

Xuntaremos cadernos en branco

da novela errante do vento.

Pescaremos na rede dos atlas

ronseles de Simbad[8]

 

E cazarémo-la vela

sobre o torso rebelde das tormentas

pra trincar a escota[9] dunha ilusión.

 


  1. O emprego do futuro nos verbos indícanos que o poeta vai embarcar e pensa, con antelación, os vindeiros designios da travesía. O ton mantén certas ambigüidades emotivas que culminan nun ilusionado final.
  2. Obxecto para bambearse, bambán.
  3. Pequena embarcación con dous paus de goleta.
  4. Manuel Antonio utiliza sempre esta fermosa palabra galega que non é normativa. Nas normas do galego actual sería: descuberta ou descubrimento.
  5. Lado onde zoa o vento.
  6. "Alar o chicote", tirar polas cordas da rede.
  7. Figura circular, colada no cuadrante da búsola e na cal están gravados trinta e dous raios correspondentes á dirección dos ventos.
  8. Protagonista dunha extensa narración de viaxes interpolada nas Mil e unha noites. Os sete relatos de Simbad, que transcorren no mar arábigo, están cheos de aventuras maravillosas.
  9. "Trincar a escota", suxeitar, amarrar as cordas que gobernan as velas.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *