CALMA DE 6 a 8

petapouca

NA XERFA esvara o sol

tras dos ausentes oleaxes[1]

As velas frouxas

póstumo rompeolas[2] dos chuvascos

cosen os farrapos con fíos de sol morno

 

Unha gavota ventrílocua

peteirando no urro inmorredoiro[3]

que os afogados deixaron aboiando

 

O solpor fecharase

dentro do máis intacto disco

As nosas pipas atentas

acobadadas ao lecer

Un intre o vapor intruso

coseu de prensa a relinga do horizonte

 

Alén do mundo

está o castelo de proa

Hai un mariñeiro vello

que vén de volta de tódolos naufraxios

E trae o fío das aventuras

—non se sabe o remate—

que as dársenas estantías

viron evadirse a bordo das bric-barcas[4]

—O capitán Pardeiro[5]

non afogou

«Perdeuse» canda o bergantín—

 

Axustouse a xordina

largacía coma unha nosa ollada

á[6] bucina do Mar

Tremela na mareta[7] leviana

un remorso ou pesadelo

O navío

as mans trincadas

vai borrando coa pes o ronsel

 

Xa non virá o vento

por que a noite fechou tódalas portas

—esa luz desvelada

na fenestra da Lúa—

Ao bater a hora imprevista do relevo

coseu as adoas soltas

do toque das Trindades

O ceo foise abuado[8] e friorento

 

Todo finou

Oh milagre!

As mesmas estrelas

aínda están

aínda están alí.

 


  1. Forma adaptada do castelán en lugar da correspondente galega marullada, arfada.
  2. Castelanismo por quebra-mar.
  3. Imaxe fortemente visionaria onde a gaivota picotea no berro inmortal dos afogados.
  4. O bric é un bergantín que, ademais dos dous mastros comúns, leva outro diminuto na popa.
  5. Descoñecemos a identidade deste capitán que Manuel-Antonio nomea, sendo un dos escasísimos nomes propios que aparecen neste poemario.
  6. Aínda que na edición consultada non aparece este til, o senso lóxico do verso parece esixilo.
  7. Pequena marusía.
  8. Pálido, descolorido.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *