BALADA DO PAILEBOTE BRANCO

petapouca

ESCOITÁBAMOS o vento

ríndose malévolo

debaixo do seu disfraz[1]

 

E tamén contou o barco

a historia do piloto

e do gavieiro[2] e a do rapaz

Vós xa sabedes todo

Eso que din as estampas

do libro de Simbad

 

Pero el contounos o resto

«Estreaba o horizonte

unha largacía[3] audaz»…

 

O barco foi percorrendo

as cicatrices sentimentais

que lle deixaron vellos navegantes

E os adeuses que leva na vela

gravados por miradas

tristes definitivas e distantes

Un día fíxose ao mar

coa parola ceifada[4] nos beizos

E xa nunca volveu

Agora eu busco un vello mariñeiro

ou unha historia do pailebote branco

ou calquera cousa…

¿que sei eu!

 

Escoitábamos o vento

ríndose malévolo

debaixo do seu disfraz.

Pero a historia do pailebote branco

non a sabía o piloto

nin o gavieiro

nin o rapaz.

 
*Poema de estrutura circular onde o final nos desengana do mundo, pois insinúanos que a historia suxerida xamais existiu.

 


  1. A forma correcta en galego é disfrace. Conservamos a incorrección para manter a rima.
  2. Mariñeiro que viaxa na gavia, que é unha especie de plataforma instalada no mastro principal.
  3. Aquí o adxectivo largacía, que significa dilatada, ancha, está usado como substantivo, entendéndose como liña extensa.
  4. O verbo ceifar significa segar, seiturar.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *