ADEUS

petapouca

Entre a calima[1]

transpondo o meu ollar

esquivouse o velamio

Deixounos a badía

chea da súa ausencia

e a mañá sen perspectiva

 

Agora en terra

arredado de min mesmo

por un océano de singraduras

o vento da Ría

vai virando a folla de cada emoción

 

—O Sol indiferente

 Serea augardentosa dos vapores

un retraio de fume

no rompeolas da paisaxe

As engranaxes da grúa

esmoen a mañá morna—

 

Debaixo dos meus pasos

xorde o ronsel da Vila natal

Ela cos brazos cheos de sono

teima salvarme dun naufraxio antigo

E os meus ouvidos[2] incautos

queren dormir no colo

das cantigas vellas

 

Eu cacheaba tódolos segredos

das miñas mans baldeiras

por que algo foi que se me perdeu no Mar

 

…alguén que chora dentro de min

por aquel outro eu

que se vai no veleiro

pra sempre

coma un morto

co peso eterno de tódolos adeuses.

 

* Estamos no final da singradura. O poeta regresa a terra e conmóvese cando contempla a baía orfa do seu barco. Entón despídese do buque en que navegou e nace o poema.

 


  1. Esta palabra trifurca o seu significado. Por un lado significa bruma, néboa; por outro designa á parte máis estreita do navío; por último, refírese ás boias de corcho presas no fondo do saco da rede de cercar e alar. As tres significacións poden ser válidas, aínda que a primeira sexa a de máis fácil interpretación.
  2. Oídos. Conservamos a forma non normativa pola leve aliteración dos ditongos.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *