A FRAGATA VELLA

petapouca

TE-LOS ollos distantes

decorados de rostos xoviais

que os vellos mariñeiros

permutaron polos climas antípodas.

 

Levas no leme[1]

un pulo de brazos tensos

que retorceron os largacíos

horizontes do mar

 

O vento

atortorando[2]

desfollou dos velamios

outonos de mocidades

 

Mercaba colares circunmeridianos

nos bazares das estrelas

Amarrabas faros dispersos

co simblador calabrote[3] do ronsel[4]

 

Floreceches no Mar

primaveras amargas

de foulas[5] e escamallos[6]

 

Aínda que o vento encalme

tremela nas túas velas

unha rafega de transmigracións

 

Nese teu corazón innumerábel

tamén enchen e debalan

as mareas do meu corazón.

 

*A fragata é unha embarcación de tres paus con vergas en todos eles.

** Lemos a descrición dun buque vetusto. O esgotado navío representa o paso do tempo, que alcanza a todo o existente.

 


  1. Timón.
  2. Este verbo significa "dar voltas ao tortor", que en terminoloxía náutica designa cada unha das voltas con que se retorce, por medio dunha palanca, a trinca de cortiza que liga dous obxectos afastados entre si.
  3. O adxectivo simblador significa que vibra, que treme; o calabrote é unha amarra delgada.
  4. O ronsel é a escuma deitada polo navío que avanta.
  5. A palabra foula en Manuel Antonio ten un dúplice significado: por un lado designa a escuma que o navío ergue ao avantar; por outro, é sinónima de ondas. O primeiro significado é normativo, o segundo é unha persoal identificación semántica da autoría do rianxeiro.
  6. O escamallo é un conxunto de restos de escamas. Pode indicar, tamén, unha grande cantidade de escamas de sardiña utilizada para adobar a terra. Existe un significado que, forzadamente, podería incluírse na lista: o escamallo equivalería á rapina lucrativa que o mar deita na praia.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *