PERFIL BIOGRÁFICO

petapouca

Manuel AntonioManuel-Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo o 12 de Xullo do ano 1900 e morreu en Asados (pequena vila limítrofe a Rianxo) o 28 de Xaneiro de 1930[1]. Os días vividos polo noso poeta, numericamente, foron escasos: viviu a penas vintenove anos. Sen embargo, a forza impetuosa das súas emocións e conviccións, a prematura intensidade coa que soubo crear unha escrita particular e universal ao mesmo tempo, sitúano entre aqueles escritores galegos de máis traballado rigor. Da súa estancia entre nós interésanos subliñar que aos catro anos ficou orfo ao morrer o seu pai de tuberculose —o que motiva os temores maternos perante o posible contaxio—, e que refugará a predisposición familiar cara ao sacerdocio, ingresando, no curso 1913-1914, no «Instituto General y Técnico de Santiago». Na cidade compostelana morou na rúa de Troia, nº 5, que gozaría de fama duradoira debida ao célebre libro La casa de la Troya, orixinal de A. Pérez Lugín.

Na vida do poeta existen certas datas míticas que confirman o seu carácter precoz e vehemente, de eticidade indómita. Unha delas é o 31 de Xaneiro de 1918. Nese día decide combater ao lado dos franceses contra os alemáns na I Guerra Mundial. Con anterioridade, o rianxeiro mantivera unha aberta simpatía cara ao imperio centroeuropeo, tal vez influído polo xaimismo[2] do seu tío coengo, que era sochantre da Colexiata de Iria Flavia. Mais, ao ter coñecemento dos ataques alemáns contra buques mercantes da Cruz Vermella a súa reacción é de total e inequívoco rexeitamento. Cando estaba a punto de cruzar a fronteira por Irún, un membro da Garda Civil interceptou o seu paso preguntándolle pola súa identidade. Manuel-Antonio, con altiva serenidade respondeulle que era galego e poeta e que carecía de toda documentación. Como tributo desta decisión pasou seis días na cadea e gardou sempre unha nostalxia defraudada por non ter conseguido o seu desexo de loitar contra os teutóns. Idénticas aspiracións embargaron o seu peito cando pretendeu alistarse na guerrilla de Sandino e partir para Nicaragua ou cando quixo enrolarse nun navío ruso e participar na Revolución de Outubro. Anhelos que só ficarían en proxectos irrealizados.

Na época do Instituto convértese ao galeguismo de forma paulatina e imparable. Ao seu impulso inicial de falar a lingua do país únese o descubrimento intelectual da nosa cultura, logo de asisitir a unha conferencia que Vicente Risco[3] dicta na cidade do Apóstolo. E a esta doutrina cultural atlántica, que o mestre ourensán divulgou, úneselle axiña a conciencia política de servicio a Galicia, cando o 7 e 9 de novembro do 1919 participa na II Asemblea Nacionalista Galega[4]. A partir deste momento, o seu nacionalismo será íntegro durante o resto dos seus días. Con todo, as súas ideas patrióticas non se manifestan directamente no traballo poético. Así, entre 1920 e 1922 escribirá o proxecto de poemario Con anacos do meu interior onde, como veremos, non se detecta unha pegada explícita do seu pensamento político, característica que se repetirá ao longo de toda a súa obra.

Por consello do seu curmán Roxelio, o noso poeta decide facerse piloto mercante e matricúlase na Escola Oficial de Náutica de Vigo. Neste período ultima outro esbozo poemático: Foulas.

O 28 de Xuño de 1922 é outra data cardinal: redacta o manifesto Máis Alá coa leve colaboración do debuxante Álvaro Cebreiro, e comezan a espallalo por toda a xeografía cultural da época, mesmo enviándoo a revistas francesas, italianas e checoslovacas, a unha norteamericana e a outra holandesa. O texto galego ía acompañado, naturalmente, das correspondentes traduccións ao inglés e ao francés.

Outro ano significativo no existir do rianxeiro é o de 1925, cando unha navallada asestada por un facineroso estivo a punto de custarlle a vida. Pero o ano máis fructífero será o de 1926, cando o atopamos navegando a bordo do pailebote Constantino Candeira, baixo o mando do capitán Augusto Lustres, a quen lle dedicará o poemario que estivo a compor durante as súas vixilias navais polo Cantábrico e polo Mediterráneo: De catro a catro. Dous anos despois, en 1928, aparece a primeira edición deste libro baixo o selo da editorial «Nós» e con debuxos de Carlos Maside. A acollida da obra foi minoritariamente exitosa. Vendéronse todos os exemplares en Santiago de Compostela e un non pequeno número no resto do país.

Sen embargo, este difuso triunfo non altera o seu ánimo. Embarca novamente, esta vez no buque holandés Gelria, e realiza unha travesía trans-oceánica co seguinte percorrido: Vigo, Lisboa, Las Palmas, Pernambuco, Rio de Janeiro, Santos, Montevideo e Buenos Aires. Na cidade arxentina permanecerá unha semana e todo nos leva a pensar que a contemplación da capital pratense influirá, xunto coa visión nostálxica de Rianxo, na composición dun novo texto: Viladomar. Segundo se desprende da correspondencia manuel-antoniana, tamén neste período confecciona o bosquexo mínimo que se intitularía Sempre… e máis despois.

A bordo do pesqueiro «Arosa», o poeta rianxeiro realiza outras varias singraduras. O traballo na pesca é arduo e penoso. Chega a África fondeando no caladeiro de Saffí Norte, e traballa, ao longo de fatigosas xornadas, en Cabo Sim e Mogador, que van deteriorando inexorabelmente a súa saúde precaria. A doenza paterna, a tuberculose, vai consumindo pouco a pouco o peito do noso artista. Cospe sangue con frecuencia, padece estados febrís, tose de xeito pertinaz. Sen embargo, o desenrolo da súa enfermidade é secreto; non llo comunica a ninguén. Mesmo a súa nai, dona Purificación, ignora o nocivo estado de saúde do seu fillo. Manuel-Antonio fuma constantemente no cachimbo mariñeiro, pasa momentos de escasez pecuniaria, viste mal e non come o suficiente. Regresa, entón, a Rianxo, sabedor de que a súa doenza é mortal. Os seus días derradeiros decorren no leito. O 28 de Xaneiro de 1930 fenece. Ao día seguinte, a ombros dos amigos, o seu ataúde é levado desde Asados a Rianxo. Nesta vila mariñeira repousan os seus restos, preto sempre dos avatares do mar, que tanto amou.


  1. Os coñecementos acerca da vida do noso escritor e, sobre todo, da súa dimensión literaria, sofren unha esencial variación en datas relativamente recentes. Antes de 1972 o lector galego concebía a Manuel-Antonio como un autor de obra exigua: un só libro de poesía publicado. O azar motivou que o doutor Domingo García-Sabell, que atendía a dona Purificación Sánchez Vázquez no seu leito mortuorio, soubese que dita señora era non só a nai do noso poeta, senón a depositaria dun asombroso legado: un cúmulo de textos inéditos do seu fillo. En 1972 e 1979, o médico santiagués edita, respectivamente, a poesía total do rianxeiro (incluíndo catro esbozos de poemarios, vintesete poemas sen datar e quince datados e unha exhaustiva biografía no limiar do mesmo tomo) así como as súas cartas, co cal a súa dimensión humana perfílasenos con notoria precisión.
  2. Denominación adoptada polo carlismo de 1901 a 1931, período en que exerceu a súa xefatura o pretendente Xaime III.
  3. Vicente Risco (1884-1963), figura axial da Xeración Nós. Como narrador destacan Os europeos en Abrantes (1927) e O porco de pe (1928). Como pensador saliéntanse Teoría do nacionalismo galego (1920) , libro de amplísimo eco na súa época onde expón o seu pensamento sobre o concepto de nación galega desde unha perspectiva eminentemente etnolóxica, e Mitteleuropa (1934), libro de viaxes onde se intúe e se plasma a evolución política e ideolóxica do escritor ourensán, cara a posicións netamente conservadoras.
  4. En 1916 constitúese na Coruña a primeira das Irmandades da Fala, que aglutinará os esforzos do nacionalismo da época ata a creación do Partido Galeguista, en 1933. Os seus congresos, case anuais, denomináronse Asembleas Nacionalistas.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *