DE CATRO A CATRO

petapouca

A fractura fundamental coa literatura galega do pasado efectúaa o poeta de Rianxo coa puolicación, no ano 1928, do seu único libro editado en vida, De catro a catro. Trátase de dezanove poemas escritos entre 1926-1927 durante o seu periplo polo Mediterráneo e o Atlántico, a bordo do pailebote Constantino Candeira. O volume leva de subtítulo «Follas sen data dun diario de abordo» e está dedicado ao capitán D. Augusto Lustres Rivas. Tres características axiais confórmano: no aspecto estético, o emprego dunha técnica internacional; no aspecto lingüístico, o uso de copiosos cultismos, sobre todo nos adxectivos; por último, o forte carácter unitario da obra.

Con todo, como vimos nun epígrafe anterior, a pesar das concesións a unha moda literaria foránea, a pesar da asimilación das vangardas europeas, a pesar tamén de certas concesións ao folclore autóctono, Manuel-Antonio é duplamente orixinal: por un lado rexeita con lucidez todos os ruralismos que facían de lastre a unha lingua sen normativizar; por outro, a «deshumanización» que a vangarda conleva non se verifica no rianxeiro, que culmina poemas onde o pulso emocional prevalece con intensa nitidez. Deste modo, pezas como «Recalada» ou «Sós» son dunha vivencia tan íntima e xeral que ultrapasan a súa época para adentrárense no territorio onde forma e contido se asocian indisolublemente.

Con respecto á terceira característica, comprobamos que todo o libro é unha singradura. O primeiro poema intitúlase «Intencións» e decorre entre o entusiasmo e a fascinación por un mar descoñecido que lle proporcionará, cre el, aventuras deslumbrantes. A obra féchase coa peza «Adeus», que é 0 regreso a terra, o final da navegación. No intermedio do volume, case na súa xusta metade, incrústanse os carmes «Recalada» e «Navy Bar» que, como veremos máis adiante, representan un pequeno alto na travesía, onde o escenario se converte nunha cidade que depara os seus consabidos leceres ou o ámbito fumento e etílico da tasca dos mariñeiros. Entre este inicio, estas pausas e esta culminación da viaxe, encóntranse os restantes quince poemas que son os que nos sitúan nun mar á vez movedizo e hierático, un mar que é camiño, mais tamén chegada, que é refuxio e tamén fuxida. Todo o poemario, como o subtítulo revela, é un sentimental caderno de bitácora onde os avatares máis nimios se nos confesan e onde vislumbramos un corazón que medita, que lembra e que vibra en cada hora do periplo.

 

A VIVENCIA DA PAISAXE

Manuel Antonio, como temos comprobado, é un singular poeta paisaxista. Posuímos un documento valioso para dilucidar o seu ideario creativo. No manifiesto Máis Alá declárasenos: «A literatura paisaxista ao xeito de fotografía iluminada con notas de turista burgués, é a maior carniza da nosa paisaxe que, aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretada».[1] Palabras que evidencian o seu empeño central por elaborar esa porción da realidade, diferente baixo os ollos complexos do seu corazón. Por iso a obra do noso poeta non retrata mimeticamente os seus entornos, senón que os expresa e distorsiona baixo a vontade visionaria. Porque o que as composicións manuel-antonianas nos ofrecen non son vistas: son visións, creacións persoais, asociacións analóxicas de imaxes vividas polo autor, contempladas pola súa razón e polo seu delirio, polo seu soño e pola súa paixón. Non encontraremos nas estrofas un panorama de infindos horizontes marítimos (como cabería esperar se o poema reproducise a relidade) . Pola contra, achamos un mundo fechado en si con breves compañeiros que participan da súa rotineira soidade. Aquí reside a primeira sensación que se desprende da lectura de De catro a catro. O mar, lonxe de inspirar unha infinitude pletórica, medoña ou xubilosa, semella unha cárcere onde o poeta vive unha íntima clausura contemplativa. Como consecuencia deste ámbito estricto en que nos sitúa o creador,as repeticións nominais prodíganse inevitablemente. De aí que a aparezan con constancia nos seus versos os astros, o silencio, os buques, os diversos afogados, as disipadas escumas rompendo contra a proa; a saudade. O mar impón aos seus ollos unha repetitiva sucesión destes elementos. Pero Manuel-Antonio, simultaneamente, outorga a esas presencias un estatus fortemente individualizado.

Esta renovación, como é fácil deducir, aséntase na figura retórica da prosopopeia, que dota de ánima aos obxectos circundantes converténdoos en seres vivos. A novidade, polo tanto, emana das accións que o poeta imaxina e crea, non da teimosa presencia das mesmas cousas ao noso lado. O mar transfórmase, pois, nun lugar claustral onde o rianxeiro se encontra consigo mesmo, onde as únicas actividades posibles, dentro da noite en que fai garda diariamente, son as de indagar no seu ser, soñar as recónditas afinidades dos elementos do cosmos e escribir poemas. Eis, entón, o feliz sincretismo manuel-atoniano: a percepción visionaria do mar que o rodea únese á introspección no seu espírito. A alma encóntrase na intemperie da paisaxe e na intemperie do seu acto creativo, rodeada da soidade das augas.

Dixemos que Manuel-Antonio ingresa no mar como quen penetra nun cárcere. Isto resulta certo porque o mar é, en primeiro lugar, un escenario da soidade do home. Nese proscenio actúan as personaxes, como nun drama cósmico que o poeta contempla. Así algúns elementos naturais aparecen con maiúsculas, coma se fosen persoas ou entidades: o Sol, o Mar, a Lúa, o Mundo, a Galaxia. Pero tamén os locais que representan o repouso terreal ou o regreso: o Bar, a Vila. Nese teatro de mudeces insondables, o de Rianxo cumpre un papel duplo: por un lado enxerga as repetidas peripecias do orbe; por outro actúa como un gramático do universo, pois decodifica os actos diarios da natureza, outorga a súa visión dela. Eses elementos naturais son signos que o poeta ten que descifrar e traducir a poesía. Podemos observar, así mesmo, que o mar é o escenario da morte. Nel morren os mariñeiros, ou desaparecen. O mar transmútase en xigantesco ataúde para os mortos ou, mellor, nun cemiterio inmenso onde caben todos os cadáveres. No poema «A estrela descoñecida», o astro é a esposa dos mareantes mortos e é a que prepara as exequias:

Viúva reiterada de tódolos vinte anos

que os mariñeiros repiten

cada volta que afogan

Endexamais souberon os cadáveres sen rumbo

que ti os amortallabas co teu ollar.[2]

Pero tamén o mar pode ser un morto amigo cando a quietude o abarca, poderosamente. Entón o poeta disloca a visión do momento nun impulso creacionista, pero auténtico:

O cadáver do mar

fixo do barco un cadaleito.[3]

Podemos agregar a esta visión mortuoria un elemento máis: o navío é a caixa fúnebre, o mar é o morto e o poeta é quen sepulta nunha imaxe poética esta esperada vicisitude.

Existen algúns poemas onde a paisaxe muda radicalmente. Son «Adeus», que está realizado desde a terra natal de Manuel-Antonio; «Navy Bar» e «Recalada», que nos presentan un mundo tabernario onde o repetido alcohol deteriora a consciencia dos homes. Sen embargo, estes lugares que deberían propiciar o divertimento, na realidade confirman o tedio consuetudinario da travesía, non representan o necesario descanso para o mariñeiro, senón de novo a fatiga circular do mar, o naufraxio persoal. O poeta pode afogar no mar, mais tamén nun vaso bebido en calquera cidade portuaria.

 

A VIVENCIA DO TEMPO

De catro a catro é un libro de vixilias marítimas. Por iso o paso do tempo é un dos temas menos secretos de Manuel-Antonio. En principio estamos diante das horas naturais do pasar da lúa e do movemento dos corpos celestes. Pero tamén existe unha vivencia dese fluír temporal. Non se trata , como acontecía cos poetas barrocos, da chegada da senectude aos cabelos, nin da comprobación física de que o existir transcorre misteriosamente dentro de nós ao introducirnos no río da temporalidade sen remisión. O rianxeiro vive asociado ao presente, fatalmente. Existe unha maldición ou un castigo (ignoto ou divino) que introduce ao poeta nun ámbito onde o tempo se detén ou se repite, inexorablemente. Como moi ben definiu César Antonio Molina: «E o pailebote transfórmase na barca de Ra ou de Caronte. O tempo xa non existe, está detido á agarda do socorro, do SOS que non será visto por ninguén. Existe sempre unha maldición: a do holandés, a do vello mariñeiro de Coleridgde, a dalgunhas personaxes de Conrad, e por suposto a presencia de Poe. Existe a condena de ser un Palinuro irredento, nese mar que é un foxo sen límites»[4]. En Manuel-Antonio a traslación ao papel das súas viviencias interiores é simultánea á contemplación da quieta natureza circundante. Por iso a súa poesía produce dúas sensacións estreitamente vinculadas entre si: a primeira é a inmediatez (sentimos co poeta as noites unánimes no mar) e, como íntima consecuencia disto, a autenticidade, que concita en nós a credulidade desas imaxes, pois os versos que lemos sentímolos como lexitimamente autobiográficos. Existe unha terceira sensación que nace dun dos temas preferidos: a esencial monotonía do navegar. En case todas as composicións detectamos esta fatigada percepción da singradura: todo o vivido vaise repetir, e o non vivido tamén. Estamos suxeitos ao fastío dos ciclos que nos abrangue sen descanso. Esta visión do tempo como vivencia lentísima e cíclica témola, principalmente, nos poemas «Recalada» e «Travesía». Neste último lemos que persiste: «a mesma foula e o mesmo ronsel», que a moeda do día ten sempre «a mesma cara e a mesma cruz», e, máis dolorosamente:

O Mundo

que xa non sabe

máis que repetir unha volta consabida

( … … … )

Repetirémo-los cansos corazóns

cronometrando monotonías.[5]

Dixemos que ese tedio que arraiga en todo momento tamén alcanza o que pretendidamente puidese parecer novo ou repentino:

Ese cantar improvisado

é o mesmo

que xa se improvisou nalgures.[6]

Na navegación repítense os mesmos momentos vividos polos outros mariñeiros. Como a pedra de Sísifo, o navío itera o mesmo percorrido antigo. Tamén se volven sentir as mesmas emocións de antano:

O barco foi percorrendo

as cicatrices sentimentais

que lle deixaron vellos navegantes.[7]

Os actores dese inveterado teatro do navegar repiten sempre a mesma obra e Manuel-Antonio tamén nos somete á drástica repetición dos feitos e das cousas que contempla. Xosé Ramón Pena dinos que: «M. Antonio despréndese do peso dos reloxos e consegue abordar o tema desde a linguaxe, facer do tempo linguaxe, imaxe, reducción sentimental»[8]. Por iso o seu léxico é un reducido vocabulario marítimo que reproduce e proxecta a esmagante rotina de vivir no mar, dos seus ciclos eternos.

A viaxe de Manuel-Antonio é estática, contemplativa. Todo no mar é transitorio, pero repetible. Así comprobamos que o espectáculo celeste é sempre o mesmo, que as albas se suceden ininterruptas. O poeta vive entón esa gravidade do tempo que escapa despaciosamente, que parece non fuxir, estagnado nel de modo acre. Existe unha contaminación recíproca entre as dúas esferas. Por un lado o tempo inmobilízase adquirindo a fixeza do espacio; por outro, o espacio adquire as propiedades do tempo, flúe lentamente e morosamente pasa. A verificación de que o tempo se vai prodúcese polo oído, é máis un aviso ca un sentimento, unha constatación que un recoñecemento. Manuel-Antonio oe na escuridade o latexar do reloxo que lle di que o tempo se evade inexorablemente, sen retorno. O aparello mecánico lembra que todo pasa e que nós pasamos co que pasa. O de Rianxo escoita o minuteiro e copia no papel a súa interminable onomatopeia:

O minuteiro

(tic-tac)

asumiu o compás das travesías.[9]

Esta reproducción acústica repítese noutra composicion uníndose as figuras astrais ao ritmo imparable: «Estrelas inconscientes/ mecanizan o obseso tic-tac». Podemos comprobar, así mesmo, que o tempo tamén se vai pola vista cando nos fala repetidamente dos almanaques, do diario, das follas que se perden.

 

A VISIÓN DA VIDA

Non só o tempo pasa á beira do da ría de Arousa. Tamén os obxectos e as paisaxes decorren diante del. Aínda que os elementos atmosféricos que aparecen nomeados na obra corroboren a idea de indiferencia ou impavidez universais, na realidade avanzan, parten de nós, despídense. A noción de despedida é, pois, algo máis que unha mera reproducción ou consecuencia da biografía itinerante. En Manuel-Antonio notamos unha perpetua despedida das cousas, o que nos leva a unha desgarrada cosmovisión existencial. O poeta vai desarraigándose de todas aquelas aparicións que deambulan diante dos seus ollos:

E os adeuses das nubes

mudos e irremediábeis[10]

Podemos facilmente comprobar a presencia ubicua da palabra «despedida» ao longo do poemario: «zarpou vogando despedidas», «como ese pano das despedidas», «O vaso derradeiro/ estaba cheo de despedidas», etc. A imaxe máis repetida é dunha beleza impactante: as velas son o pano co que o barco se despide de todo o que encontra e de todos os sitios dos que zarpa. Nun determinado momento, no propio navío fican as olladas sentimentais dos que se despiden:

E os adeuses que leva na vela

gravados por miradas

tristes definitivas e distantes.[11]

Estamos diante dunha despedida previa a todos os encontros, pois, por tratarse dunha viaxe, sábese que todo encontro, que toda visión acabará sendo un afastarse do que se contempla. Estamos diante da despedida ontolóxica das cousas amadas que o rodean e que sabe que vai perder. Vivir é establecer unha querencia coas cousas, é estreitar lazos de amor co que nos rodea. Mais, e aquí surxe a tristeza máis terrible, vivir é prepararse para un adeus. Na realidade, ese momento ineluctable e último, imprevisible e certeiro, intúese no último poema. A despedida vai ser patética, enormemente desgarradora. Manuel-Antonio elude o tema da morte no seu poemario, mais intuímos a súa secreta presencia nesta crónica de adeuses sucesivos e irremediables que é De catro a catro.

Como acabamos de ver, todo o que pasa deixa o seu adeus e, como axiña veremos, tamén deixa as súas pegadas, os seus residuos, os seus ecos efémeros. De aí que múltiplos poemas conteñan vocábulos que conflúen na idea dos vestixios: ronsel, mallante, remborque, etc. Estes restos fugaces do paso pola vida convocan unha nostalxia no ánimo de Manuel-Antonio, pois tamén deixan unha marca indeleble no seu corazón e por iso notamos unha saudade magoante que subxace en todo o poemario. Xa Carballo Calero clarificou a visión desa nostalxia no seu libro Historia da literatura galega contemporánea[12]. Alí o profesor ferrolán elucida os compoñentes da poesía transcendente de Rosalía de Castro con exacta exposición. Unha diferencia esencial divide a estes dous poetas: en Manuel-Antonio vislumbramos a soidade ontolóxica do home entre os destellos das figuras repetidamente paisaxistas; en Rosalía esa saudade é continua transparencia e alicerce para o seu sentir de muller solitaria e angustiada; en Manuel-Antonio, o instante presente xustaponse a toda emoción e motiva unha saudade inconcreta; en Rosalía é a dor ubicua a que a impulsa, fatalmente, ao exercicio da escrita, aínda que a súa razón se rebele inutilmente contra ese estraño fado de escritor. Manuel-Antonio, cando ontempla o fértil mar que o rodea, evádese de si e convértese en vidente, vive a experiencia da dispersión ou suspensión da súa personalidade; en Rosalía, detrás do seu lirismo plural está, oculto ou expreso, axexante e ríspido, o sufrimento da súa alma en soidade. No noso poeta ese sufrimento nunca é desvelado impudicamente, senón que se nos ofrece envolto nas súas contemplacións do orbe nocturno. A noite manuel-antoniana é a súa alma abranguida pola soidade cósmica e plenaria que sente na proa do navío divisando o universo que despaciosamente se repite e se disipa.

Resulta importante sinalar que dous dos mellores poemas do libro son narrativos. Trátase de «Sós» e de «Recalada». O primeiro comunícanos a ida do barco a altamar. A paulatina soidade que vai embargando a alma dos mariñeiros e a do propio poeta. Nun momento capital do poema, Manuel-Antonio decláranos que esa soidade común non é continxente, senón inmemorial, nace con nós desde o primeiro momento da nosa vida, é un fado que se leva, un fado esencialmente humano:

As nosas soedades

veñen de tan lonxe

como as horas do reloxe.[13]

No poema «Recalada» o acontecemento narrado é o divertimento en terra; o encontro coas prostitutas, o ánimo altivo dos fumadores de cachimbas, a rutina que se encontra nas zonas portuarias de todo o orbe, onde os nosos mariñeiros parecen idénticos aos xa vistos, onde os vasos, as botellas, os momentos da ruidosa bebida son infinita, fatigosamente os mesmos. Mais, no medio deste esgotado discurso consabido, o poeta deposita uns versos emblemáticos que plasman magnificamente o sentimento solidario do amor remunerado:

Nos bordeis xa saben

que a nosa moeda

ten o anverso de ouro

e o reverso sentimental.[14]

Por un lado está o frío metal co que se paga o amor, polo outro está a sentimentalidade do que se entrega ao amor, aínda que este sexa artificial, aínda que este sexa froito dun intercambio comercial. Detrás dese acto de compra-venda sempre aniña un corazón que necesita amar, que necesita partillarse.

Existe unha visión defraudada da vida, en Manuel-Antonio, que se relaciona intimamente cos aspectos anteditos do adeus, da saudade e da monotonía, e que confirma o ton pesimista e triste de todo o libro. Trátase da idea do naufraxio, que é a culminación do extravío existencial. As horas, co seu tedio espeso, tecen a súa zozobra, a súa deriva e, finalmente, todo na vida leva ao naufraxio, que é o símil do fracaso, do desencanto, da decepción. Así, o poema «Navy Bar» acaba deste xeito:

No repouso dalgún vaso

tódalas noites naufraga o Bar.[15]

Pero tamén o afogamento chega ao mar, que é un «Náufrago do neboeiro»; ou mesmamente á claridade que vive nun xogo de luces e sombras «coa luz náufraga da madrugada». Algo que se nos aclara na peza «Lied ohne Worte», cando se utilizan formas sinónimas: «Alude a un fracaso/ de follas amarelas». Na composición «Calma de 6 a 8» fálasenos dun mariñeiro vello «que ven de volta de tódolos naufraxios». Idea que se reitera nos adxectivos negativos que inundan toda a obra con pertinaz inquietude: «frustado», «desarborada», «irremediábeis”, «abolidos», «irredentos», «defraudados». É curioso constatar coma a maioría dos epítetos que o rianxeiro emprega comezan coa partícula «in»: «infecundo», «incautos», «intrusos», «impunes», «intacto», «imprevisto», «improvisado», «indelébel», «innumerábel», «indecisas», «inmorredoira». Pero o momento cimeiro en que corroboramos que o naufraxio é algo máis que un accidente náutico, que é un acontecemento ontolóxico, profundo, é aquel en que Manuel-Antonio nos di:

Ela cos brazos cheos de sono

teima salvarme dun naufraxio antigo.[16]

O derradeiro poema do libro, «Adeus», tamén convoca a nosa conmoción. O rianxeiro está en terra, regresa como Ulises a unha Itaca deserta, onde a infancia non impide lembrar con saudade absoluta os momentos do mar. Entón o poeta declara que ten o corazón escindido, que son varias almas as que habitan a súa alma. Unha que chora, outra que ficou no mar, para a eternidade:

…alguén que chora dentro de min

por aquel outro eu

que se vai no veleiro

pra sempre

coma un morto

co peso eterno de tódolos adeuses.[17]

O poemario acaba despedíndose do mar, cun pranto estremecedor que é a despedida coa propia alma que ficou atrapada no barco, seducida polo océano, alma morta onde repousan todas as despedidas que nun espírito poden morar.


  1. MANOEL ANTONIO: III Correspondencia. Galaxia, Vigo, 1979, páx. 311.
  2. MANOEL-ANTONIO: I Poesías, Galaxia, Vigo, 1972, páx. 168.
  3. MANOEL-ANTONIO: Ob. cit. páx. 154.
  4. MANUEL-ANTONIO: Antología poética, Edición de César Antonio Molina, Akal, Madrid, 1983, páx. 42.
  5. MANOEL-ANTONIO: I Poesías, Galaxia, Vigo, 1972, páx. 150.
  6. MANOEL-ANTONIO: Ob. cit. páx. 161.
  7. Idem, páx. 163.
  8. PENA, Xosé Ramón: A Poesía de Manuel Antonio; Biblioteca Gallega, A Coruña, 1979, páx. 144.
  9. MANOEL-ANTONIO: I Poesías, Galaxia, Vigo, 1972, páx. 150.
  10. MANOEL-ANTONIO: Ob. cit. páx. 150.
  11. Idem, páx. 163.
  12. CARBALLO CALERO, Ricardo: Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 3ª edición, 1981, páx. 189-209.
  13. MANOEL-ANTONIO: I Poesía, Galaxia, Vigo, 1972, páx. 153.
  14. MANOEL-ANTONIO: Ob. cit. páx. 160.
  15. Idem, páx. 162.
  16. Idem, páx. 179.
  17. Idem, páx. 1979.

License

De catro a catro e outros textos Copyright © by petapouca. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *